O previsible colapso da Axencia Tributaria

A Declaración da Renda do ano 2020 converteuse nunha montaña rusa para varios millóns de traballadoras e traballadores, principalmente como efecto secundario do COVID e as medidas de emerxencia que houbo que adoptar.

Pero sería inxenuo dar por suposto que as longas colas que se están a formar nas oficinas da Axencia Tributaria desde o día 1º de xuño se deben só a esas causas.

O primeiro que debemos afirmar é que en ningún caso os atascos que se producen son debidos a ningunna vagancia dos traballadores e traballadoras da Axencia Tributaria.

Pois logo, que é o que pasa? Moi sinxelo:

  • Aínda que a campaña da Renda empeza, formalmente, co mes de abril, os responsables da Axencia Tributaria non habilitaron a axuda presencial ao contribuíntes ata o 1 de xuño, de xeito que dos tres meses teóricos que temos para facer a Declaración, só nos van axudar durante 19 días!!!
  • Pero é que este ano, a causa do COVID, unha cantidade inxente de cidadans- traballadores se viron expulsados temporalmente dos postos de traballo a medio dos ERTES, e todas estas traballadoras e traballadores teñen unha complicación engadida á hora de cumprir co Fisco. Complicación que, por razóns obvias, afectan con mais intensidade a aqueles contribuíntes con menos recursos técnicos para resolver o problema desde as súas casas.
  • A maiores, precisamente á franxa mais vulnerable da poboación – os beneficiarios-vítimas do chamado Ingreso Mínimo Vital (IMV), veñen a esixirlles que fagan a Declaración da Renda – cousa que, pola falta dela, nun ano normal non terían que facer – e non só ao titular ou cabeza de familia, se non a todos os conviventes!!! Non hai que darlle moitas voltas ao asunto para concluír que TODAS as persoas que percibiran esa ayuda precisan a súa vez da AXUDA da Axencia Tributaria para cumprir esa obriga que adicionalmente se lles impuxo.

E as cabezas pensantes da AXENCIA TRIBUTARIA non viron vir todo isto?

Alguén debería de pagar por esta desfeita, e desde logo nin son os contribuíntes mais humildes  – que son as vítimas das colas – nin os sufridos empregados e empregadas da propia Axencia.

Non queremos imaxinar a onde chegarían as colas – e a xusta indignación – se non fora polo traballo desinteresado de asesoramento fiscal que están a facer os Sindicatos, as Asociacións de veciños e multitude de outras organizacións.